Esta Semana Santa, a Casa das Peritas trae á aldea de Mallas a obra de cinco artistas nunha proposta comisariada por Natasha Lelenco arredor da idea de corpo. Un encontro artístico que conta coa colaboración do Concello de Fisterra e das Bodegas Martín Códax.

PROGRAMA:

  • Inauguración: Coa presencia de todos os artistas e degustación de viños Martín Códax.

    Domingo 13 ás 12:00h.

  • Títeres Alakrán. Barrigaverde*:

    Mércores 16 ás 19:00h. Praza do Campo. Mallas.

  • Marián: Música na Fonte do Lavadoiro de Mallas. + Instalación escultórica Óscar Aldonza.*

    Sábado 19 ás 19:00h.

  • Visitas á exposición.

    Todos os días de 11:00h a 14:00h e de 17:00h a 21:00h

+ Degustación Viños Martín Códax

* Coa colaboración do Concello de Fisterra

O corpo é, sen dúbida, un dos temas máis recorrentes na representación artística. De feito, a historia da arte podería lerse como unha longa crónica da representación —ou autorepresentación— do que entendemos por humano. O corpo como materia, como carne, como recipiente —ou non— dun algo que chamamos alma, ego ou ser, atravesa os séculos e foi abordado desde múltiples ópticas: idealista, espiritual, materialista, crítica.

Medímolo dende a infancia —en centímetros, dioptrías, colesterol— e, do mesmo xeito, historicamente suxeitámolo a paradigmas e cánones: desde as cuadrículas exipcias, o Canon de Policleto ou L’uomo vitruviano, ata as apps de escaneo de beleza actuais, por citar só algúns fitos. O corpo é, en realidade, inabarcable. Mais nesta mostra decidimos abarcarnos nel: facelo dende a proximidade, dende o aquí e agora, a través das olladas de catro artistas que, cada quen ao seu xeito, nos achegan a este fascinante tema.

A palabra galega “corpos” suxírenos ademais un xogo semántico interesante: “cor”, como cor, vitalidade, pulsión; e “pos”, como sufixo daquilo que foi, que perdemos, que se transforma a cada instante. A exposición percorre precisamente esa tensión: entre a cor —interior, simbólica ou matérica— e a súa perda; entre a carne viva e o virtual, entre a presenza e a ausencia, entre o ser e o disolverse.

Desde a cor vitalista e naíf que conecta co primixenio en Llou, ata a carnalidade existencialista, íntima pero política, de Inés; desde a exploración da condición humana como territorio de dúbida, expresión e transformación en Óscar, pasando pola insoñación das cabezas de Gozo e a ironía matérica dos monicreques de Borja, esta mostra propón un paseo sensorial e emocional polos corpos que habitamos, soñamos ou imaxinamos.

Natasha Lelenco

Pero isto para quen é?

Tes algunha pregunta?